1/10/07

A Rede de Dinamización Tecnolóxica párase no Porriño

Co mes de setembro rematou a bolsa pola que o Porriño contaba con un dinamizador da Sociedade da Información.
Un proceso rematado e ábrese outro o que leva o seu tempo, e moi ao noso pesar, o novo non está concluido.
É dicir, que aínda que A Rede de Dinamización Tecnolóxica e o concello do Porriño pretenden continuar con este proxecto de alfabetización dixital no noso concello, por problemas burocráticos haberá que deixalo temporalmente.
E como as cousas de palacio van despacio non podemos saber ata cando seguiremos con este parón, pode ser cousa dun mes ou incluso mais.
Así que aquelas/es que vos dixen que comezariamos novas actividades en outubro, pensade que todo se vai retrasar, lamento as molestias que isto vos poida ocasionar.
A pesares de todo seguirei atendendo as vosas dúbidas no correo que tedes á dereita onde están os meus datos personais, ou cos comentarios que poñades neste blog.
Tede paciencia se tardo un chisco mais do habitual en contestarvos, pero será por falta de tempo.
O dito, lamento as molestias que isto poida ocasionar, pero podedes estar seguros de que teño tantas ganas como vos ou mais de voltar o antes posible.
Que así sexa e moitas gracias a todas e todos as/os asistentes ás miñas actividades, pola vosa paciencia, vosa comprensión, o voso interese e, sobre todo, polo voso ánimo.

29/9/07

Obradoiro de instalación de Linux

Onte, venres 28 de setembro tivo lugar un obradoiro de instalación do sistema operativo Linux.
Neste obradoiro os asistentes trouxeron os seus equipos tanto de sobremesa coma portátiles, e de paso que aprendían como instalar este sistema operativo xa lles quedaba nos seus propios ordenadores.
Este obradoiro so puido facerse gracias á colaboración de Agnix e en particular de Xavier, de novo moitísimas gracias pola vosa axuda.
Este obradoiro fíxose de urxencia para que os asistentes ao curso de Bases de Datos que tivo lugar no Porriño poidan practicar o aprendido. De tódolos xeitos, e se todo vai como ten que ir, non vos preocupedes que organizaremos mais e vos avisaremos con tempo.
E aos que asististedes xa sabedes, aproveitade e usade este novo sistema que tedes instalado, non tardaredes en atoparlle vantaxes.

Remata o curso de bases de datos coa presenza de Claudio F. Filho

O pasado día 27 rematou o curso de bases de datos impartido no Centro Neural de Torneiros pola Rede de Dinamización Tecnolóxica nos concellos de Salceda de Caselas e o Porriño.
Ademais neste día de clausura tivemos a honra de desfrutar da presenza de Claudio F. Filho, coordinador xeral do proxecto OpenOffice en Brasil e presidente de BrOffice.org.
Na súa clara exposición explicounos as vantaxes do software libre sobre o propietario reflexadas na súa experienza en Brasil, pais de referencia mundial no eido do software libre, e ademais o fixo de xeito ameno e entretido. Moitísimas gracias por todo.
E esta distinguida visita debémoslla a Agnix, asociación sen ánimo de lucro e que ten como finalidade a formación e divulgación do Software Libre coma medio para acadar a Alfabetización Tecnolóxica e Informática galega. O noso agadecemento a eles tamén por facernos disfrutar das verbas de Claudio F. Filho.

15/9/07

Exposición "Comicteca do Porriño"

Onte 14 de setembro deu comezo a exposición "Comicteca do Porriño" que se prolongará ata o vindeiro día 28.
Polo tanto durante estas 2 semanas a Biblioteca oferta unha serie de actividades tendo como nexo en común o cómic.
Entre estas actividades destaca un obradoiro de creación de cómics (do 17 ao 28), un clube virtual de lectura e un obradoiro de creación de blogs.
Este último é o graniño de area aportado pola Rede de Dinamización Tecnolóxica á Comicteca xa que será o dinamizador do concello quen o imparta.
Haberá dúas quendas, unha de 9 a 13 horas e outra de 16 a 20.
Para apuntarvos ou para mais información desta e doutras actividades da comicteca podedes consultar na Biblioteca:
Biblioteca Municipal do Porriño
R/ Domigo Bueno 9

Tlf: 986 33 76 24
ou no seguinte enderezo electrónico: biblioteca@centroculturalporrino.com

4/9/07

Curso de Bases de Datos

O vindeiro luns día 10 dará comezo o curso de Bases de Datos concedido pola Rede de Dinamización Tecnolóxica, tendo como data de remate o mércores día 26.
O curso será en horario de tarde/noite (de 20:00 a 23:00 hs.) e terá lugar no Centro Neural do Multiusos de Torneiros no Porriño.
Este curso é dos ofertados pola Rede de Dinamización Tecnolóxica e dos que xa vos falei en anteriores entradas onde se colgaron as inscricións, os contidos...
Estamos agardando a que volten saír novos prazos de inscrición, cando así sexa publicarémolo nesta bitácora.
Este curso non sería viábel se non contase coa colaboración do noso concello e do concello de Salceda de Caselas.
Agradecemento especial a Leticia, dinamizadora da Sociedade da Información en Salceda de Caselas, senón fora pola súa axuda dubido moito que se puidera desenvolver este curso.

10/8/07

Un merecido descanso

Hoxe a Rede de Dinamización Tecnolóxica colle vacacións ata o vindeiro luns día 20 de agosto.
Este parón afectará á dinamización tecnolóxica do Porriño que descansará, e ben merecidamente, polo pequeno espazo dunha semana.
Despois de 15 obradoiros, 2 charlas e demais actividades dinamizadoras a verdade é que o dinamizador no Porriño precisa dun descanso, por pequeno que sexa, para voltar con mais folgos que nunca.
Así o día do regreso continuaremos cos obradoiros de verán, sendo a quenda do terceiro grupo de rapaces menores de 12 anos en horario de 9:30 e do primeiro grupo para maiores de 16 en horario de 11:30.
Ámbolos dous obradoiros serán de luns a venres e rematarán o mércores día 29. Para entón continuaremos con mais e avisaremos aos interesados.
Pola alta demanda de apuntados hemos de pechar as inscricións, aínda que vos podedes apuntar para entrar na lista de espera que seguro que hai xente que ao final falla. De tódolos xeitos os apuntados na lista de espera serán avisados para posteriores obradoiros aínda que sexan fora do verán. Por iso aconséllovos que vos sigades apuntando, aínda que non sexa no verán, algún día será.
Ata o vindeiro día 20.

13/7/07

Cursos para rapaces e non tan rapaces

En próximas datas imos comezar cursos para rapaces, imos facer 2 grupos un de rapaces ata 12 anos e outro para os que contan entre 13 e 16.
Os obradoiros serán de conceptos básicos de internet, correo electrónico, mensaxería instantánea, coñecemento dos navegadores, buscas na rede, bitácoras...
Podedes ir apuntándoos avisándome por correo electrónico, deixando aviso na recepción do Centro Neural, deixando un comentario...
So preciso o nome, idade e un teléfono para avisar cando de comezo o curso.
Tamén vai haber un curso para aqueles que contan con mais de 16 anos.
Todos estes obradoiros serán en horario de mañá posiblemente unha quenda as 9:30 e outra as 11:30 e impartiranse no Centro Neural de Torneiros.
Canto antes vos apuntedes antes comezaremos.

29/6/07

Contidos dos cursos

No artigo anterior falaba dos cursos que oferta a Rede de Dinamización, cal era esa oferta, como inscribirse, os prazos...
Moitos de vós me preguntades cales son os requisitos que han ter os alumnos de cada curso, e cales son os seus contidos.
Así que ante tanta demanda o mais cómodo para todos e que vos publique unha pequena guía de cada curso onde se resposten esas preguntas.
Velaí vai, so tedes que pinchar no curso do que queredes mais información:

SOCIEDADE DA INFORMACIÓN:
WWW
Correo electrónico
Sinatura electrónica e LOPD
Introdución ao OpenOffice
Procesador de textos
Presentacións
Follas de Cálculo (I)

OFIMÁTICA AVANZADA:
Folla de Cálculo(II)
Bases de datos
Construción de páxinas web

XESTIÓN DA EMPRESA:
Facturación
Contabilidade
Xestión de almacén

XESTIÓN DA REDE:
Arquitectura cliente/servidor
Servidores de rede
Xestión de dominio corporativo
Comercio electrónico
Márketing na rede

DIRECTRICES PARA XERENTES DE PEMES:
Directrices migratorias
Achegamento ao software libre

Para mais dúbidas podedes contactar co dinamizador nos datos que aparecen neste mesmo blog.

27/6/07

Novos Cursos

A Rede de Dinamización da Consellería de Innovación e Industria oferta unha serie de cursos que poden ser do voso interese. Estes cursos son completamente gratuítos e naqueles que se superen as 10 horas se lles entregará un certificado de asistencia aos participantes do mesmo.

Os cursos serán impartidos en días consecutivos, agás os que se impartan os sábados, cunha duración que vai de entre 2 a 4 horas cada clase, 4 horas no caso dos sábados.

Na ficha de prescrición poderedes seleccionar o horario que mellor vos conveña, a data non pode ser posterior ao 28 de setembro, eu coido que a primeira quincena dese mes é a máis axeitada por pasar xa os meses estivais. Aínda así se preferides outras datas comentádeo na ficha de prescrición no apartado do interese no curso.

Para solicitar o curso debedes cubrir a ficha de prescrición e facerma chegar, deixándoa a atención de Miguel na recepción do Centro Neural no Centro Multiusos de Torneiros antes do día 25 do vindeiro mes de xullo. O enderezo postal é Ribeira s/n 36410 O Porriño, aínda que non nos facemos responsabeis dos posibeis atrasos no correo.

O curso solicitarase en función de se se acadan os mínimos asistentes necesarios (entre 10 e 15 en cada un). Elaborarase unha lista de espera, aínda ca preferencia establecerase por orde de chegada das prescricións.

A entrega da ficha de prescrición supón o coñecemento destas normas así como o compromiso por parte do solicitante da participación no curso en caso de estar entre as/os seleccionadas/os ou de dar aviso, en caso de non poderes asistir, con anterioridade aos 2 días do comezo do mesmo.

Aqueles que non saibades que curso é o mais axeitado para vós, dicirvos que o "procesador de textos" é moi importante á hora de traballar nun ordenador, así que senón controlades ningún ese sería o curso idóneo. Outros interesantes poden ser “Introducción ao OpenOffice”, “Presentacións” e para usuarios mais avanzados “Follas de Cálculo”, “Bases de Datos”, “Construcción de Páxinas Web”.

Os cursos impartiranse no Centro Neural en Torneiros.

19/6/07

A Rede de Dinamización no Espazo Avanza

A Rede de Dinamización estará no Espazo Avanza en Compostela (O proxecto de dinamización tecnolóxica en Galiza contará cun posto de información desde este mércores día 20 até o domingo 24 na dita carpa).

A Rede de Dinamización da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información vai estar tamén no Espazo Avanza, carpa de promoción e formación en novas tecnoloxías do Plan Avanza do Ministerio de Industria, dispoñendo dun posto informativo onde se explicará a filosofía do proxecto e se dará información sobre os centros adheridos, as actividades, obradoiros, cursos e iniciativas que se levan a cabo.

Todas as persoas que o desexen poderán achegarse ao Espazo Avanza situado no mercado de Salgueiriños, onde se intentará promocionar para toda a cidadanía o uso das Novas Tecnoloxías con actividades lúdicas nas que se mostrarán as utilidades de Internet. Ademais, está previsto que se desenvolvan pequenos cursos de formación específica destinados a colectivos de cidadáns como nenos e persoas maiores, empresarios, profesionais e autónomos en ámbitos como a seguridade da informática ou das facturas electrónicas.

Dentro deste espazo a Rede de Dinamización presenta tamén a súa labor de difusión e achegamentos das Novas Tecnoloxías a todos os sectores da poboación, especialmente nas zonas rurais ou afastadas, desenvolvendo actividades de alfabetización dixital e iniciación a Internet, así como obradoiros de moi variada temática que pretenden mostrar as vantaxes que nos ofrecen as TIC na vida diaria.

Se pasades algún destes días por Santiago, NON FALTEDES!! Seguro que vos parece moi interesante.

Poderedes atopar mais información aquí.

14/5/07

Comezo de novos obradoiros ( II )

Hoxe, día 14, deu comezo o segundo obradoiro de iniciación á internet para as ANPAS. O horario é de 9:30 a 11:00 os luns, mércores e venres ata o vindeiro día 30.

Ademais o próximo luns 21 comezará outro mais, pero en horario de tarde será de 20:30 a 22:00 os luns e xoves ata o 14 de xuño.

Tamén dará comezo outro o día 24 de maio en horario de mañá, os martes e xoves de 9:30 a 11:00 ata o 19 de xuño.

Con estes obradoiros so nos quedará un para satisfacer as demandas das nais e pais de alumnos, que en principio está pensado para comezar o 18 de xuño e rematalo o día 4 de xullo en horario de 20:30 a 22:00 e os luns, mércores e xoves.

De todas formas xa se avisará do horario definitivo deste último.

9/5/07

Actividades día 17 de maio

O vindeiro 17 de maio Galiza celebra de xeito conxunto o Día da Internet, o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e o Día das Letras Galegas.

Por ese motivo o concello está a preparar unha serie de actividades ( festival poético, contacontos... ) entre as que se inclúe unha conferencia e mesa redonda.

Esta conferencia terá como título "SÉCULO XXI: A Lingua Galega na Internet" e falará da conexión entre Internet e o noso idioma dándolle especial relevancia a importancia do software libre nesa ligazón.

O poñente será Manuel Hermo, presidente de AGNIX, Asociación de usuarios de GNIX, distribución de Linux desenvolvida por eles mesmos, e que ten como función a formación e divulgación do Software Libre coma medio para acadar a Alfabetización Tecnolóxica.

Ademais o bolseiro dinamizador da Sociedade da Información no concello do Porriño falará do proxecto da Rede de Dinamización (dinamización tecnolóxica) desenvolvido pola consellería de Innovación e Industria, e a súa experiencia particular dentro del.

Este acto terá lugar no Salón de Plenos do concello e será o xoves día 17 de maio as 19:30 horas.

Non faltedes!!!

8/5/07

Subvencións entidades sen ánimo de lucro

O pasado 24 de abril saiu publicada no doga unha orde do 17 de abril pola pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a entidades de dereito público e privado, sen ánimo de lucro para promover actuacións de difusión e formación relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán ser beneficiarios destas axudas: as universidades públicas galegas, entidades de dereito público e privado, sen ánimo de lucro, con excepción das administracións públicas territoriais previstas no artigo 2.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e as asociacións de colectivos desfavorecidos legalmente constituídas.

Poderanse considerar actuacións subvencionables: os gastos de difusión e promoción, os gastos asociados aos relatores ou profesores, os gastos asociados á organización do curso ou evento tales como aluguer de locais e/ou mobiliario,limpeza e seguridade, os gastos de elaboración de materiais, outros gastos suplementarios, derivados directamente da actuación e os gastos de conexión á internet.

Para o caso específico de asociacións de discapacitados, tamén serán subvencionables os gastos de adquisición de periféricos que permitan o acceso de persoas con discapacidade á integración cos equipamentos informáticos, incluíndo así mesmo e dependendo do tipo de discapacidades, a adquisición de software específico que facilite esa interacción co equipamento informático.

O importe máximo da subvención non superará o 85% do custo total das actuacións subvencionables, e en ningún caso ningunha entidade recibirá unha subvención total maior de 45.000,00 €.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 25 de maio.

Subvencións establecementos comerciais

O pasado 24 de abril saiu publicada no doga unha corrección de erros da orde do 15 de marzo de 2007 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

Esta orde sae publicada no doga do 26 de marzo do 2007.

Poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles comercios que desenvolvan a súa actividade no territorio galego, de menos de 10 traballadores, que non superen os 300 m2 de superficie comercial destinada a exposición e venda ao público e que a súa actividade principal se atope entre as listadas no Anexo VI da devandita orde.

Para poder optar á subvención establécese unha contía mínima de investimento subvencionable de 1.000 euros, IVE excluído. O investimento máximo subvencionable será de 12.000 euros, salvo no caso de deseño de sistemas de venda non presenciais nos cales o investimento máximo subvencionable será de 3.000 euros, IVE excluído.

Poderán ser obxecto de subvencións investimentos como os seguintes: equipos para o proceso da información, aplicacións informáticas, deseño e implantación de sistemas de vendas, páxinas web, equipos portátiles, caixas rexistradoras, terminais puntos de venda, lectores ópticos de códigos de barras, sistemas de medición e pesaxe de mercadorías, sistemas de etiquetaxe, sistemas de alarma, sistemasanti-furto e portas de seguridade, fotocopiadoras e aparellos de teléfono e fax e equipamentos para o tratamento de temperatura dos produtos.

Quedando excluidas as cámaras dixitais, teléfonos móbiles, hardware e software que non se poida relacionar cunha mellora da xestión comercial, investimentos realizados mediante contratos de arrendamento financeiro ou outras modalidades de financiamento, os gastos de transporte, instalación e mantemento dos conceptos subvencionables e calquera dos conceptos subvencionables cando sexan obxecto de comercialización polos comerciantes solicitantes.

A contía máxima de subvención que se outorgará será do 40% do investimento subvencionable, IVE excluído. Aínda que a porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 50%, IVE excluído, para os investimentos vencellados á incorporación por parte do comerciante ou beneficiario da axuda a un proxecto dunha ou varias agrupacións de comerciantes que asuman conxuntamente a realización dalgunha das seguintes actuacións: medios de pagamento, plans de fidelización, acceso á internet, operacións de comercio electrónico e sistemas de xestión integral da empresa, centrais de compras e servizos.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 25 de maio.

Os formularios da solicitude de axuda cubriraos e obteraos necesariamente o solicitante a través da aplicación informática «Internet Expres» (procedemento IN520A) establecida na «Oficina virtual» desta consellería.

Para mais información sobre o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través dos teléfonos: 981 54 55 83 ou 981 54 55 35 ou do número de fax: 981 54 47 06.

16/4/07

Comezo de novos obradoiros

Como xa case rematamos a primeira rolda dos obradoiros de iniciación a informática para pais de alumnos, esta semana comezará a segunda quenda.
Así o mércores iniciaremos o cuarto grupo con un horario de 9:30 a 11:00 horas e será luns mércores e venres ata o próximo día 2 ou 4 de maio.
Houbo un pequeno problema coa aula para o día 4 que agardamos se arranxe, así que oficialmente é ata o día 2, pero impartiremos as 12 horas dalgún xeito, o mais seguro é que o obradoiro remate o día 4.
O xoves 19 da inicio o quinto e último grupo, este en horario de tarde de 20:30 a 22:00 horas e será impartido os luns e xoves ata o día 14 de maio.
Ademais imos arrancar tamén cos grupos de iniciación a internet, e o primeiro grupo comezará este xoves 19 de 9:30 a 11:00 horas e será os martes e xoves ata o vindeiro 14 de maio.
Os inscritos en cada grupo serán avisados por vía telefónica.
Tamen iniciamos os obradoiros de iniciación á informática para Amas de Casa, un grupo terá a súa primeira clase o martes 17 de abril e o outro comezou o Venres pasado, día 13 de abril.
Ámbolos dous obradoiros serán de 18:00 a 19:30 horas, e aínda que non é seguro a súa duración prevista é de 8 clases para cada grupo.

4/4/07

GUÍA CHARLA PARA COMERCIANTES

                   “Vantaxes de Internet no Pequeno Comercio”

      Introducción: Internet, ¿que é?:

  • É a rede de redes, tivo a súa orixe nos anos 60 en EEUU e con funcións militares.
  • Non son mais que ordenadores unidos entre si, iso si de todo o mundo.
  • É unha fonte de recursos e coñecementos compartidos a escala mundial.
  • Conta con mais de 200 millóns de usuarios en todo o mundo.
  • É o medio de comunicación mais extendido na Hª da humanidade.
  • A S.I. trocou coa chegada de internet, un cambio equiparable o da invención da imprenta no seu momento.

      Datos de interese (Telefónica)

  • O 47,9% dos españois utilizaron internet nos últimos 3 meses (por 33% do ano pasado).
  • O 23,1% fíxoo onte polo 5% do ano pasado.
  • E no último ano houbo un crecemento do 40% na banda ancha.
  • ¿Porqué non se conectan as empresas a internet?

    • Entre as que non están conectadas:

      • Non se perciben beneficios. ( 81% ).
      • O segundo motivo so conta co 8%.

    • Entre as que si están conectadas:

      • Non se perciben beneficios 15 % polo 69% do 2003 (curiosa a variación do 2003 ata agora, será que as empresas que si están conectadas ven que realmente se perciben beneficios).

    • Outros motivos en ambos casos:

      • Coste da conexión, inseguridade, formación e adecuación de empregados.

      A venda por internet é o sector de maior auxe da economía mundial, cada vez mais a xente usa internet para mercar. Incluso os hai que fan a compra cotiá na rede (o pan, o leite,... )

      Datos do comercio electrónico:

  • No segundo trimestre do 2.006 os españois gastamos 637 millóns de euros en compras por internet, un 62% mais que no mesmo trimestre do ano anterior.
  • Deses 637 millóns 198 foron a parar a empresas españolas, o que representa un 71% mais que o ano anterior. Aínda así mércase moito mais fora.
  • As compras dende o estranxeiro a España xeraron 87 millóns de euros no ano 2.006, un 41% mais que no mesmo trimestre do ano anterior.
  • Os artigos que mais se venden na rede son billetes de avión e artigos de educación.

      Hai que ter en conta que dependendo do tipo de comercio se lle poderá sacar mais ou menos partido á rede. Non é o mesmo ter unha cafetería que unha tenda de artigos informáticos, esta última terá mais facilidades para a venda, aínda que todas se poderán publicitar na rede.

      Vantaxes de estar conectado a internet:

  • Proveedores ( maior variedade pola amplitude territorial e mais barato pola eliminación de intermediarios e polo baixo coste das comunicacións ).
  • O correo electrónico: É unha forma de comunicación instantánea, gratuita, que sempre podes consultar (non recordo que me pediu este cliente), que queda rexistrado o “falado” (e que eu non cho pedín así), estas 3 últimas vantaxes non as ten o teléfono a non ser q se graben as conversas o que lle pode crear desconfianza ao cliente/proveedor.
  • A e-Administración:

    • Cada vez mais a administración concede a posibilidade de facer trámites a través de internet. De feito nalgún caso incluso tes que facer algún trámite obrigatoriamente na rede (como é o caso de cando fixemos a solicitude desta bolsa). Isto aforra tempo e cartos (por exemplo en papeis).
    • Posibilidade de consultar BOES, DOGAS.

  • A banca electrónica: da mesma forma que a administración os bancos permiten a posibilidade de facer tódolos trámites na web, ingresos, transferencias... Isto crea inseguridade pero non pasará nada se actuamos mantendo unhas pequenas normas de seguridade ( protocolos seguros como https, o candadiño ). Aquí pode ofertarse un obradoiro de seguridade na rede.
  • Facturación electrónica: A factura faise en formato dixital en vez de en papel, hai que cumprir uns requisitos legais pero tamén coa factura en papel. Isto aporta varias vantaxes ( aforro en papel, facilidade nos procesos de auditoría, maior seguridade no resguardo dos documentos, menor probabilidade de falsificación, axilidade na localización, eliminación de espacios físicos, procesos administrativos mais rápidos e eficientes ).

       Vantaxes por zona:

  • En internet todo está centralizado, non hai rexións xeográficas, para unha rexión afastada como a nosa é bo. Pouca xente parará nun comercio galego porque vai de paso a outro lado como pode ser en Castela León ou Madrid. Na rede somos iguais e poderán chegar a nosa empresa “de paso” igual que a outras de outros lados. Non se está en desvantaxe pola situación xeográfica.
  • Ademais o castelá e o 3º idioma da rede por detrás de inglés e chino ( este é que son moitos ) e o portugués é o 4º, así que poderiamos entendernos en 2 dos 4 idiomas mais usados da rede.

      Vantaxes de ter unha páxina web:

  • A evidente da publicidade e o marketing, válido para todo tipo de empresas.
  • Amplitude horaria: non so se ten a tenda aberta para todo o mundo senón que o está 24 hs o día 365 días o ano. Co cal os clientes poderían mercar e ver información da tenda un domingo, as 4 da mañá...
  • Coñecemento do cliente: Ademais de ter unha comunicación continua co cliente (horarios, prezos, ...) podemos coñecelo sen que se decate, saber cales son as seccións mais visitadas da web e así saber que é o que mais lles interesa e facer unha estratexia de marketing a partir dese coñecemento.
  • Aforro de tempo: o cliente pode buscar na web cousas como o horario, que artigos hai, os prezos, ademais se se pon unha sección de preguntas frecuentes podemos aforrar moitas chamadas telefónicas ó comercio.
  • Futuro: tarde ou temprano toda empresa terá presencia na rede canto antes se faga mellor será. O mundo virtual cada vez está mais en auxe e moitos sociólogos opinan que a empresa que non esté na rede en 10 anos tenderá a desaparecer.
  • Competitividade ante as grandes superficies: cada vez hai mais centros comerciais que poden poñer precios mais baixos, este é un problema para o pequeno comercio e unha posible solución é estar na rde, así poderíase intentar equiparar precios e aumentar o rango dos nosos clientes, non so os do noso pobo.
  • Internet tamén provoca unha distancia entre os que o utilizan e os que non, é a chamada fenda dixital. Non competimos en igualdade de condicións se a nosa competencia está integrada nas novas tecnoloxías e nos non.
  • A páxina web dalle tamén vantaxes os nosos consumidores como son: comodidade, mellores prezos, acceder a productos de difícil acceso.


      Inconvintes: tamén hai unha serie de inconvintes

  • Inseguridade (tanto do cliente como da empresa). Nos medios observamos moitos timos na rede. Recalcar que a rede é segura se temos un par de normas claras (oferta de obradoiro sobre seguridade).
  • Formas de pago: realmente hai formas seguras de pago: por tarxeta (que é a que mais inseguridade crea), transferencia bancaria, contrareembolso.
  • Do cliente: a calidade do producto. Haberá que gañar a confianza do cliente xa que vai pagar sen ter o producto. Aceptando devolucións pode ser unha forma segura ou o caso mais extremo de NaranjasLola.

      Exemplos:

  • NaranjasLola: Esta empresa decidiu un día deixar de mal vender as súas naranxas a intermediarios e vendelas directamente a través da rede ofrecendo un producto de calidade: en 24 horas da árbore a mesa, sen tratamento químico nin frigoríficos. Nun comezo non tiveron o éxito desexado así que foron mais aló e decidiron gañar a confianza dos clientes co que chamaron Pago Voluntario. O cliente fae o pedido, chégalle a casa, non o paga, o proba e se queda satisfeito que pague. Agora mesmo NaranjasLola é unha das empresas de naranxas de mais éxito do pais e conta con clientes como Ferriá Adriá e mesmo a Casa Real. É un bo exemplo de pequena empresa que con pouco gasto triunfou na rede. Agora venden 150.000 kg de naranxas ao ano.
  • Empresas que so existen na rede: un bo exemplo de que internet pode ser unha fonte de beneficios é que hai empresas que directamente desenvolven toda a súa actividade na rede e con bastante éxito, como poden ser os casos do buscador google, da casa de subastas eBay e da librería virtual Amazon que vende uns 8.500 millóns de dolares anuais.


       En resumo algunha das oportunidades que ofrece o comercio electrónico son: a introducción a novos mercados ( nacionais e internacionais ), a reducción de costes de marketing, a distribución e a producción, o trato directo co consumidor final, difusión global, a operación do negocio 24 hs ao día 365 días ao ano. E todo isto non require unha grande inversión, xa que por menos de 1.000€ podemos atopar un ordenador de última xeración e o coste da liña sería duns 50€ mensuais.


      Bibliografía empregada:

Cedetel
Comercio electrónico en wikipedia
Monografías
Axencia Federal para o Desenvolvemento da Pequena Empresa
Informes S.I. Telefónica
Artigo en Mercadona on-line
Mercadona on-line
e-global
Facturación electrónica en Wikipedia
Usabilidade no comercio electrónico por Galinus
NaranjasLola
Artigo 1 sobre NaranjasLola
Artigo 2 sobre NaranjasLola

Charla para comerciantes

      O pasado 20 de marzo realicei unha charla sobre as vantaxes de internet no pequeno comercio, obviamente dirixida aos comerciantes do Porriño.
      A charla foi solicitada pola presidenta de ACIPOR (Asociación de Comerciantes do Porriño) para mentalizar aos comerciantes da importancia de integrarse nas novas tecnoloxías.
      Para publicitala fun comercio a comercio entregando unha nota informativa ata un total duns 150 aproximadamente.
      Os carteis chegáronme o día 16 así que preparei 3 que se puxeron na Casa de Cultura, no concello e no mercado.
      Ademais o concello sacou unha nota de prensa e a presidenta de ACIPOR quedou en avisar aos seus asociados.
      Ao final veu unha persona a charla (e pensar os nervios que pasei) que nin empresaria era, eu dina igual por respeto a asistente e para ver como me quedaba, canto duraba, etc.
      E pregúntome que puiden facer para acadar unha maior participación. ¿Se vos ocorre algo? ¿Outra forma de publicitala?¿Que fago agora para os comerciantes? Porque senón teñen interese, ¿como podo atraelos?.
      Compañeiros dinamizadores se se vos ocorre algo para mellorar a asistencia avisade, eu no próximo artigo publicarei a guía que fixen para dar a charla xa que vos pode ser de utilidade.

28/3/07

Subvención entidades sen ánimo de lucro

      O pasado sete de marzo publicouse no doga unha orde do 28 de Febreiro na que se convocan as axudas a entidades sen ánimo de lucro para a adquisición de equipamento audiovisual e multimedia e para crear medios de información electrónica.
      O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 8 de abril, así que os que estedes interesados apurade.
       A axuda será de ata o 65% da factura con un máximo de 500€ por PC, 130€ por receptor de TDT con MHP (servizos interativos), 30€ por receptor de TDT sen MHP e de 1.500€ en total para o caso da adquisición de equipamento audiovisual.
       Para crear unha páxina web en galego a axuda máxima será de 400€.

Subvención alumnado non universitario

      O pasado dous de marzo publicouse no doga unha orde do 23 de Febreiro na que se establecen as bases das axudas para a adquisición dun ordenador por parte dos alumnos non universitarios.
      O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 3 de abril, así que os que estedes interesados apurade.
       A axuda será de 300€ para aqueles pais, nais ou titores legais dun rapaz matriculado nun curso de primaria ou de secundaria que adquiran un ordenador antes do 20 de setembro.
      O ordenador poderá ser de sobremesa ou portátil e se destinarán un total de 10.000 axudas.

27/3/07

Saúdo

       Esta bitácora ten coma obxectivo falar da actividade do bolseiro dinamizador da Sociedade da Información no concello do Porriño.
      O dinamizador deberá de realizar actividades para achegar as novas tecnoloxías a aqueles que mais as descoñecen, co fin de diminuír a chamada fenda dixital.
      Aquí poderedes dar a vosa opinión sobre as actividades que se vaian desenvolvendo ou incluso propoñer aquelas que consideredes axeitadas para aumentar o uso das novas tecnoloxías no concello.
      Outra das funcións do dinamizador será potenciar o uso do software libre sobre o software propietario.
      Agardo que a bitácora sexa do voso agrado e que poidamos sacar un bo proveito dela. Saúdos.