14/5/07

Comezo de novos obradoiros ( II )

Hoxe, día 14, deu comezo o segundo obradoiro de iniciación á internet para as ANPAS. O horario é de 9:30 a 11:00 os luns, mércores e venres ata o vindeiro día 30.

Ademais o próximo luns 21 comezará outro mais, pero en horario de tarde será de 20:30 a 22:00 os luns e xoves ata o 14 de xuño.

Tamén dará comezo outro o día 24 de maio en horario de mañá, os martes e xoves de 9:30 a 11:00 ata o 19 de xuño.

Con estes obradoiros so nos quedará un para satisfacer as demandas das nais e pais de alumnos, que en principio está pensado para comezar o 18 de xuño e rematalo o día 4 de xullo en horario de 20:30 a 22:00 e os luns, mércores e xoves.

De todas formas xa se avisará do horario definitivo deste último.

9/5/07

Actividades día 17 de maio

O vindeiro 17 de maio Galiza celebra de xeito conxunto o Día da Internet, o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información e o Día das Letras Galegas.

Por ese motivo o concello está a preparar unha serie de actividades ( festival poético, contacontos... ) entre as que se inclúe unha conferencia e mesa redonda.

Esta conferencia terá como título "SÉCULO XXI: A Lingua Galega na Internet" e falará da conexión entre Internet e o noso idioma dándolle especial relevancia a importancia do software libre nesa ligazón.

O poñente será Manuel Hermo, presidente de AGNIX, Asociación de usuarios de GNIX, distribución de Linux desenvolvida por eles mesmos, e que ten como función a formación e divulgación do Software Libre coma medio para acadar a Alfabetización Tecnolóxica.

Ademais o bolseiro dinamizador da Sociedade da Información no concello do Porriño falará do proxecto da Rede de Dinamización (dinamización tecnolóxica) desenvolvido pola consellería de Innovación e Industria, e a súa experiencia particular dentro del.

Este acto terá lugar no Salón de Plenos do concello e será o xoves día 17 de maio as 19:30 horas.

Non faltedes!!!

8/5/07

Subvencións entidades sen ánimo de lucro

O pasado 24 de abril saiu publicada no doga unha orde do 17 de abril pola pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a entidades de dereito público e privado, sen ánimo de lucro para promover actuacións de difusión e formación relacionadas co desenvolvemento da sociedade da información na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán ser beneficiarios destas axudas: as universidades públicas galegas, entidades de dereito público e privado, sen ánimo de lucro, con excepción das administracións públicas territoriais previstas no artigo 2.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e as asociacións de colectivos desfavorecidos legalmente constituídas.

Poderanse considerar actuacións subvencionables: os gastos de difusión e promoción, os gastos asociados aos relatores ou profesores, os gastos asociados á organización do curso ou evento tales como aluguer de locais e/ou mobiliario,limpeza e seguridade, os gastos de elaboración de materiais, outros gastos suplementarios, derivados directamente da actuación e os gastos de conexión á internet.

Para o caso específico de asociacións de discapacitados, tamén serán subvencionables os gastos de adquisición de periféricos que permitan o acceso de persoas con discapacidade á integración cos equipamentos informáticos, incluíndo así mesmo e dependendo do tipo de discapacidades, a adquisición de software específico que facilite esa interacción co equipamento informático.

O importe máximo da subvención non superará o 85% do custo total das actuacións subvencionables, e en ningún caso ningunha entidade recibirá unha subvención total maior de 45.000,00 €.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 25 de maio.

Subvencións establecementos comerciais

O pasado 24 de abril saiu publicada no doga unha corrección de erros da orde do 15 de marzo de 2007 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

Esta orde sae publicada no doga do 26 de marzo do 2007.

Poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles comercios que desenvolvan a súa actividade no territorio galego, de menos de 10 traballadores, que non superen os 300 m2 de superficie comercial destinada a exposición e venda ao público e que a súa actividade principal se atope entre as listadas no Anexo VI da devandita orde.

Para poder optar á subvención establécese unha contía mínima de investimento subvencionable de 1.000 euros, IVE excluído. O investimento máximo subvencionable será de 12.000 euros, salvo no caso de deseño de sistemas de venda non presenciais nos cales o investimento máximo subvencionable será de 3.000 euros, IVE excluído.

Poderán ser obxecto de subvencións investimentos como os seguintes: equipos para o proceso da información, aplicacións informáticas, deseño e implantación de sistemas de vendas, páxinas web, equipos portátiles, caixas rexistradoras, terminais puntos de venda, lectores ópticos de códigos de barras, sistemas de medición e pesaxe de mercadorías, sistemas de etiquetaxe, sistemas de alarma, sistemasanti-furto e portas de seguridade, fotocopiadoras e aparellos de teléfono e fax e equipamentos para o tratamento de temperatura dos produtos.

Quedando excluidas as cámaras dixitais, teléfonos móbiles, hardware e software que non se poida relacionar cunha mellora da xestión comercial, investimentos realizados mediante contratos de arrendamento financeiro ou outras modalidades de financiamento, os gastos de transporte, instalación e mantemento dos conceptos subvencionables e calquera dos conceptos subvencionables cando sexan obxecto de comercialización polos comerciantes solicitantes.

A contía máxima de subvención que se outorgará será do 40% do investimento subvencionable, IVE excluído. Aínda que a porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 50%, IVE excluído, para os investimentos vencellados á incorporación por parte do comerciante ou beneficiario da axuda a un proxecto dunha ou varias agrupacións de comerciantes que asuman conxuntamente a realización dalgunha das seguintes actuacións: medios de pagamento, plans de fidelización, acceso á internet, operacións de comercio electrónico e sistemas de xestión integral da empresa, centrais de compras e servizos.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 25 de maio.

Os formularios da solicitude de axuda cubriraos e obteraos necesariamente o solicitante a través da aplicación informática «Internet Expres» (procedemento IN520A) establecida na «Oficina virtual» desta consellería.

Para mais información sobre o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través dos teléfonos: 981 54 55 83 ou 981 54 55 35 ou do número de fax: 981 54 47 06.