29/6/07

Contidos dos cursos

No artigo anterior falaba dos cursos que oferta a Rede de Dinamización, cal era esa oferta, como inscribirse, os prazos...
Moitos de vós me preguntades cales son os requisitos que han ter os alumnos de cada curso, e cales son os seus contidos.
Así que ante tanta demanda o mais cómodo para todos e que vos publique unha pequena guía de cada curso onde se resposten esas preguntas.
Velaí vai, so tedes que pinchar no curso do que queredes mais información:

SOCIEDADE DA INFORMACIÓN:
WWW
Correo electrónico
Sinatura electrónica e LOPD
Introdución ao OpenOffice
Procesador de textos
Presentacións
Follas de Cálculo (I)

OFIMÁTICA AVANZADA:
Folla de Cálculo(II)
Bases de datos
Construción de páxinas web

XESTIÓN DA EMPRESA:
Facturación
Contabilidade
Xestión de almacén

XESTIÓN DA REDE:
Arquitectura cliente/servidor
Servidores de rede
Xestión de dominio corporativo
Comercio electrónico
Márketing na rede

DIRECTRICES PARA XERENTES DE PEMES:
Directrices migratorias
Achegamento ao software libre

Para mais dúbidas podedes contactar co dinamizador nos datos que aparecen neste mesmo blog.

27/6/07

Novos Cursos

A Rede de Dinamización da Consellería de Innovación e Industria oferta unha serie de cursos que poden ser do voso interese. Estes cursos son completamente gratuítos e naqueles que se superen as 10 horas se lles entregará un certificado de asistencia aos participantes do mesmo.

Os cursos serán impartidos en días consecutivos, agás os que se impartan os sábados, cunha duración que vai de entre 2 a 4 horas cada clase, 4 horas no caso dos sábados.

Na ficha de prescrición poderedes seleccionar o horario que mellor vos conveña, a data non pode ser posterior ao 28 de setembro, eu coido que a primeira quincena dese mes é a máis axeitada por pasar xa os meses estivais. Aínda así se preferides outras datas comentádeo na ficha de prescrición no apartado do interese no curso.

Para solicitar o curso debedes cubrir a ficha de prescrición e facerma chegar, deixándoa a atención de Miguel na recepción do Centro Neural no Centro Multiusos de Torneiros antes do día 25 do vindeiro mes de xullo. O enderezo postal é Ribeira s/n 36410 O Porriño, aínda que non nos facemos responsabeis dos posibeis atrasos no correo.

O curso solicitarase en función de se se acadan os mínimos asistentes necesarios (entre 10 e 15 en cada un). Elaborarase unha lista de espera, aínda ca preferencia establecerase por orde de chegada das prescricións.

A entrega da ficha de prescrición supón o coñecemento destas normas así como o compromiso por parte do solicitante da participación no curso en caso de estar entre as/os seleccionadas/os ou de dar aviso, en caso de non poderes asistir, con anterioridade aos 2 días do comezo do mesmo.

Aqueles que non saibades que curso é o mais axeitado para vós, dicirvos que o "procesador de textos" é moi importante á hora de traballar nun ordenador, así que senón controlades ningún ese sería o curso idóneo. Outros interesantes poden ser “Introducción ao OpenOffice”, “Presentacións” e para usuarios mais avanzados “Follas de Cálculo”, “Bases de Datos”, “Construcción de Páxinas Web”.

Os cursos impartiranse no Centro Neural en Torneiros.

19/6/07

A Rede de Dinamización no Espazo Avanza

A Rede de Dinamización estará no Espazo Avanza en Compostela (O proxecto de dinamización tecnolóxica en Galiza contará cun posto de información desde este mércores día 20 até o domingo 24 na dita carpa).

A Rede de Dinamización da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información vai estar tamén no Espazo Avanza, carpa de promoción e formación en novas tecnoloxías do Plan Avanza do Ministerio de Industria, dispoñendo dun posto informativo onde se explicará a filosofía do proxecto e se dará información sobre os centros adheridos, as actividades, obradoiros, cursos e iniciativas que se levan a cabo.

Todas as persoas que o desexen poderán achegarse ao Espazo Avanza situado no mercado de Salgueiriños, onde se intentará promocionar para toda a cidadanía o uso das Novas Tecnoloxías con actividades lúdicas nas que se mostrarán as utilidades de Internet. Ademais, está previsto que se desenvolvan pequenos cursos de formación específica destinados a colectivos de cidadáns como nenos e persoas maiores, empresarios, profesionais e autónomos en ámbitos como a seguridade da informática ou das facturas electrónicas.

Dentro deste espazo a Rede de Dinamización presenta tamén a súa labor de difusión e achegamentos das Novas Tecnoloxías a todos os sectores da poboación, especialmente nas zonas rurais ou afastadas, desenvolvendo actividades de alfabetización dixital e iniciación a Internet, así como obradoiros de moi variada temática que pretenden mostrar as vantaxes que nos ofrecen as TIC na vida diaria.

Se pasades algún destes días por Santiago, NON FALTEDES!! Seguro que vos parece moi interesante.

Poderedes atopar mais información aquí.