29/9/07

Obradoiro de instalación de Linux

Onte, venres 28 de setembro tivo lugar un obradoiro de instalación do sistema operativo Linux.
Neste obradoiro os asistentes trouxeron os seus equipos tanto de sobremesa coma portátiles, e de paso que aprendían como instalar este sistema operativo xa lles quedaba nos seus propios ordenadores.
Este obradoiro so puido facerse gracias á colaboración de Agnix e en particular de Xavier, de novo moitísimas gracias pola vosa axuda.
Este obradoiro fíxose de urxencia para que os asistentes ao curso de Bases de Datos que tivo lugar no Porriño poidan practicar o aprendido. De tódolos xeitos, e se todo vai como ten que ir, non vos preocupedes que organizaremos mais e vos avisaremos con tempo.
E aos que asististedes xa sabedes, aproveitade e usade este novo sistema que tedes instalado, non tardaredes en atoparlle vantaxes.

Remata o curso de bases de datos coa presenza de Claudio F. Filho

O pasado día 27 rematou o curso de bases de datos impartido no Centro Neural de Torneiros pola Rede de Dinamización Tecnolóxica nos concellos de Salceda de Caselas e o Porriño.
Ademais neste día de clausura tivemos a honra de desfrutar da presenza de Claudio F. Filho, coordinador xeral do proxecto OpenOffice en Brasil e presidente de BrOffice.org.
Na súa clara exposición explicounos as vantaxes do software libre sobre o propietario reflexadas na súa experienza en Brasil, pais de referencia mundial no eido do software libre, e ademais o fixo de xeito ameno e entretido. Moitísimas gracias por todo.
E esta distinguida visita debémoslla a Agnix, asociación sen ánimo de lucro e que ten como finalidade a formación e divulgación do Software Libre coma medio para acadar a Alfabetización Tecnolóxica e Informática galega. O noso agadecemento a eles tamén por facernos disfrutar das verbas de Claudio F. Filho.

15/9/07

Exposición "Comicteca do Porriño"

Onte 14 de setembro deu comezo a exposición "Comicteca do Porriño" que se prolongará ata o vindeiro día 28.
Polo tanto durante estas 2 semanas a Biblioteca oferta unha serie de actividades tendo como nexo en común o cómic.
Entre estas actividades destaca un obradoiro de creación de cómics (do 17 ao 28), un clube virtual de lectura e un obradoiro de creación de blogs.
Este último é o graniño de area aportado pola Rede de Dinamización Tecnolóxica á Comicteca xa que será o dinamizador do concello quen o imparta.
Haberá dúas quendas, unha de 9 a 13 horas e outra de 16 a 20.
Para apuntarvos ou para mais información desta e doutras actividades da comicteca podedes consultar na Biblioteca:
Biblioteca Municipal do Porriño
R/ Domigo Bueno 9

Tlf: 986 33 76 24
ou no seguinte enderezo electrónico: biblioteca@centroculturalporrino.com

4/9/07

Curso de Bases de Datos

O vindeiro luns día 10 dará comezo o curso de Bases de Datos concedido pola Rede de Dinamización Tecnolóxica, tendo como data de remate o mércores día 26.
O curso será en horario de tarde/noite (de 20:00 a 23:00 hs.) e terá lugar no Centro Neural do Multiusos de Torneiros no Porriño.
Este curso é dos ofertados pola Rede de Dinamización Tecnolóxica e dos que xa vos falei en anteriores entradas onde se colgaron as inscricións, os contidos...
Estamos agardando a que volten saír novos prazos de inscrición, cando así sexa publicarémolo nesta bitácora.
Este curso non sería viábel se non contase coa colaboración do noso concello e do concello de Salceda de Caselas.
Agradecemento especial a Leticia, dinamizadora da Sociedade da Información en Salceda de Caselas, senón fora pola súa axuda dubido moito que se puidera desenvolver este curso.