13/6/08

Memoria de Mulleres

Despois dun tempo de obradoiros de informática e, coa chegada do verán, o meu traballo pasa a ser de mañás.
Aínda teño pendente algún obradoiro de informática e todos os de internet, así que tede paciencia, e se vos interesan e non estades apuntados apurade, por que do de informática vaise pechar o prazo de inscrición.
Con estes trocos e antes de continuar con eses cursos pendentes vou facer un de fotomontaxe.
¿Que é unha fotomontaxe? Pois como o seu nome indica trátase de coller diversas fotografías e montalas (facer un vídeo con elas).
Este vídeo será coma unha película, terá imaxes, sons, etc...
Este curso está enmarcado no proxecto Memoria de Mulleres posto en marcha pola Rede de Dinamización, que pretende ademáis recuperar as lembranzas de mulleres que conten con 50 anos ou máis.
Para facer a fotomontaxe, precisamos unha historia que contar e serán as alumnas as que escollan o argumento do seu vídeo.
No curso aprenderedes edición dun procesador de textos, escaneado de fotografías, edición de imaxes, de música e, como non, a fotomontaxe nun vídeo.
Despois os vosos vídeos poderán ser expostos na Casa de Cultura ou noutros eventos, para animar a máis persoas a desenvolver esta actividade, xa que o resultado é moi atractivo.
Se queredes máis información, pensades que vos pode interesar ou que lle pode interesar a alguén do voso entorno, non dubidedes en chamarme ao 986348944, preguntando por Miguel, ou pasando polo Centro Neural de Torneiros en horario de 8:30 a 15:30.
Animádevos que o curso merece a pena.

1/4/08

Obradoiros de informática e internet gratuítos

O prazo para inscribirse nos obradoiros de iniciación á informática e a internet xa está aberto.
Para inscribirse hai que cumplimentar correctamente a ficha de inscrición, e entregala no Centro Neural de Torneiros ou enviala por correo electrónico a miguel.oporrino@dinamiza.sociedadedainformacion.euDebuxo dun ordenador
Os obradoiros terán unha duración de 12 horas cada un, impartiranse na súa maioría en 2 semanas, a razón de 3 sesións de 2 horas por semana.
Como todas as actividades que desenvolve a Rede de Dinamización estes obradoiros son gratuítos.
Hai varios horarios á vosa disposición, seleccionade na ficha o/s horario/s que mais se axuste aos vosos requerimentos.
Se non podedes asistir en ningún deses horarios, se hai algún día da semana que non poidades, ..., por favor comentádeo nas observacións da ficha, e farase todo o posible para axeitar algún grupo nos días/horarios solicitados.

28/3/08

Resumo de actividades

Para comezar desenvolvéronse uns obradoiros de iniciación á informática coa lista de espera que había do ano pasado, mentres se preparaba a difusión dos vindeiros obradoiros.
Como iniciativa destacar o concurso de relatos que aínda se está a desenvolver (remata o prazo o vindeiro luns 31 de marzo), sei que é tarde para avisarvos, pero tamén saiu na prensa, colgáronse carteis.... Se vos dades presa aínda podedes participar.
Tamén estamos a desenvolver un curso de procesador de textos writer, tamén coas inscricións que tiñamos do ano pasado. Destes cursos xa vos falara en artigos anteriores, e incluso vos subira os contidos.
Eses cursos seguen a estar dispoñibles e coas mesmas "condicións" de antes, así que se vos interesa xa sabedes, inscribirvos.
Pois este é un pequeno resumo das actividades que se desenvolveron e os poidan interesar, a excecpción da do concurso de relatos o resto voltarán facerse en breves.

Lamento a tardanza

Pois iso, lamento non tervos tido informados neste tempo das actividades que se desenvolveron ou se están a desenvolver no concello do Porriño.
O motivo, e sei que non serve de excusa, ademais do moito traballo que hai, é que agora contades cunha páxina da Rede de Dinamización, onde poderedes informarvos das actividades que se desenvolven en toda Galicia e como non tamén das do Porriño.
Esta páxina será a que teña a información máis actualizada, así que vos recomendo que a visitedes con asiduidade.
O que non quita que poidamos seguir usando esta bitácora como medio máis directo de comunicación. Eu tratarei, sempre que o volume de traballo mo permita, manter a información actualizada aquí tamén, e informarvos de curiosidades que poidan xurdir no eido das novas tecnoloxías.
Para comezar vouvos facer un pequeno resumo das actividades que realizamos neste período, e o dito sinto ter deixado de lado este espazo.

23/1/08

Subvención entidades sen ánimo de lucro 2008


O pasado 21 de xaneiro publicouse no doga unha resolución do 31 de decembro de 2007 na que se convocan axudas a entidades sen ánimo de lucro para a adquisición de equipamento audiovisual e multimedia e para crear medios de información electrónica para o ano 2008.
O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 24 de febreiro (31 días naturais contados desde o día 22 de xaneiro).
A axuda será de ata o 70% da factura con un máximo de 500€ por PC, 130€ por receptor de TDT con MHP (servizos interativos), 30€ por receptor de TDT sen MHP e de 1.500€ en total para o caso da adquisición de equipamento audiovisual.
Para crear unha páxina web en galego a axuda máxima será de 400€.

7/1/08

!! Xa estamos de volta !!

A Rede de Dinamización Tecnolóxica volta a andar de novo no concello do Porriño.
Así que a partires de agora realizaranse actividades de alfabetización tecnolóxica no concello como as que viñemos facendo nos primeiros nove meses do ano pasado.
Así que para calquer dúbida ou suxestión podedes dirixirvos ao dinamizador, Miguel, nos datos de contacto que aparecen á dereita neste mesmo blog.
Lamentamos esta pausa nas actividades pero confiamos que serva para voltar con mais folgos aínda para este ano recén estreado.
Recordade que publicarei neste mesmo enderezo as novas que coido os poidan interesar, así que non lle perdades o ollo.
Feliz 2008 a todas e todos.