8/5/07

Subvencións establecementos comerciais

O pasado 24 de abril saiu publicada no doga unha corrección de erros da orde do 15 de marzo de 2007 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2007.

Esta orde sae publicada no doga do 26 de marzo do 2007.

Poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles comercios que desenvolvan a súa actividade no territorio galego, de menos de 10 traballadores, que non superen os 300 m2 de superficie comercial destinada a exposición e venda ao público e que a súa actividade principal se atope entre as listadas no Anexo VI da devandita orde.

Para poder optar á subvención establécese unha contía mínima de investimento subvencionable de 1.000 euros, IVE excluído. O investimento máximo subvencionable será de 12.000 euros, salvo no caso de deseño de sistemas de venda non presenciais nos cales o investimento máximo subvencionable será de 3.000 euros, IVE excluído.

Poderán ser obxecto de subvencións investimentos como os seguintes: equipos para o proceso da información, aplicacións informáticas, deseño e implantación de sistemas de vendas, páxinas web, equipos portátiles, caixas rexistradoras, terminais puntos de venda, lectores ópticos de códigos de barras, sistemas de medición e pesaxe de mercadorías, sistemas de etiquetaxe, sistemas de alarma, sistemasanti-furto e portas de seguridade, fotocopiadoras e aparellos de teléfono e fax e equipamentos para o tratamento de temperatura dos produtos.

Quedando excluidas as cámaras dixitais, teléfonos móbiles, hardware e software que non se poida relacionar cunha mellora da xestión comercial, investimentos realizados mediante contratos de arrendamento financeiro ou outras modalidades de financiamento, os gastos de transporte, instalación e mantemento dos conceptos subvencionables e calquera dos conceptos subvencionables cando sexan obxecto de comercialización polos comerciantes solicitantes.

A contía máxima de subvención que se outorgará será do 40% do investimento subvencionable, IVE excluído. Aínda que a porcentaxe de subvención poderá acadar ata o 50%, IVE excluído, para os investimentos vencellados á incorporación por parte do comerciante ou beneficiario da axuda a un proxecto dunha ou varias agrupacións de comerciantes que asuman conxuntamente a realización dalgunha das seguintes actuacións: medios de pagamento, plans de fidelización, acceso á internet, operacións de comercio electrónico e sistemas de xestión integral da empresa, centrais de compras e servizos.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 25 de maio.

Os formularios da solicitude de axuda cubriraos e obteraos necesariamente o solicitante a través da aplicación informática «Internet Expres» (procedemento IN520A) establecida na «Oficina virtual» desta consellería.

Para mais información sobre o proceso de obtención dos formularios, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, a través dos teléfonos: 981 54 55 83 ou 981 54 55 35 ou do número de fax: 981 54 47 06.