27/6/07

Novos Cursos

A Rede de Dinamización da Consellería de Innovación e Industria oferta unha serie de cursos que poden ser do voso interese. Estes cursos son completamente gratuítos e naqueles que se superen as 10 horas se lles entregará un certificado de asistencia aos participantes do mesmo.

Os cursos serán impartidos en días consecutivos, agás os que se impartan os sábados, cunha duración que vai de entre 2 a 4 horas cada clase, 4 horas no caso dos sábados.

Na ficha de prescrición poderedes seleccionar o horario que mellor vos conveña, a data non pode ser posterior ao 28 de setembro, eu coido que a primeira quincena dese mes é a máis axeitada por pasar xa os meses estivais. Aínda así se preferides outras datas comentádeo na ficha de prescrición no apartado do interese no curso.

Para solicitar o curso debedes cubrir a ficha de prescrición e facerma chegar, deixándoa a atención de Miguel na recepción do Centro Neural no Centro Multiusos de Torneiros antes do día 25 do vindeiro mes de xullo. O enderezo postal é Ribeira s/n 36410 O Porriño, aínda que non nos facemos responsabeis dos posibeis atrasos no correo.

O curso solicitarase en función de se se acadan os mínimos asistentes necesarios (entre 10 e 15 en cada un). Elaborarase unha lista de espera, aínda ca preferencia establecerase por orde de chegada das prescricións.

A entrega da ficha de prescrición supón o coñecemento destas normas así como o compromiso por parte do solicitante da participación no curso en caso de estar entre as/os seleccionadas/os ou de dar aviso, en caso de non poderes asistir, con anterioridade aos 2 días do comezo do mesmo.

Aqueles que non saibades que curso é o mais axeitado para vós, dicirvos que o "procesador de textos" é moi importante á hora de traballar nun ordenador, así que senón controlades ningún ese sería o curso idóneo. Outros interesantes poden ser “Introducción ao OpenOffice”, “Presentacións” e para usuarios mais avanzados “Follas de Cálculo”, “Bases de Datos”, “Construcción de Páxinas Web”.

Os cursos impartiranse no Centro Neural en Torneiros.

No hay comentarios: